Grupo HGT Organización de Eventos Formación Revista HGT Contacto
Edicións Anteriores
Dic. 2007 - N.132
Nov. 2007 - N.131
Oct. 2007 - N.130
Ag. - Sep. 2007 - N.129
Jul. 2007 - N.128
Jun. 2007 - N.127
May. 2007 - N.126
Abr. 2007 - N.125
Mar. 2007 - N.124
Feb. 2007 - N.123
Dic. 2006 - N.121
Revista HGT
A cesta da compra "en galego": unha aposta polo país asequible a todos os petos
Achégase o nadal, unha das épocas do ano de maior consumo e un momento idóneo para apostar polos produtos do país sen que a nosa economía se vexa resentida.

Calidade e prezo son dúas variables que ten en conta o consumidor á hora de encher a cesta da compra. HG&T quere coñecer se a oferta de produtos galegos pode satisfacer estas dúas variables, sobre todo agora que se achega o Nadal. Para coñecer diferentes perspectivas sobre o tema, a cita mensual da Mesa de Redacción convidou a Ignacio Louzao, xerente de Galicia Calidade; Miguel Freire, xefe de Liña de Gadisa; Juan Carlos Ulla, director da Escola de Consumo de Boiro; Digna Castro, secretaria da Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas; e Roberto Rivas, do Sindicato Labrego Galego.
 
Image
MIGUEL FREIRE, Xefe de Liña de Gadisa
M. FREIRE: "Nós somos unha empresa de distribución galega e estamos cada vez máis involucrados cos produtos galegos. En canto a viños, os meses de Nadal supoñen o 20% do consumo anual, sobre todo en denominacións como Rías Baixas ou Ribeira Sacra. Tamén estamos axudando a relanzar os cavas galegos, que de momento teñen unha produción pequena. Se entramos en frescos, en decembro consumimos uns 5.000 capóns, tanto os de denominación como os de pequenos produtores, e unhas 7.000 unidades de pavo e pavita. Practicamente, isto supón o 100% do consumo destes dous produtos".
 
Image
ROBERTO RIVAS, Sindicato Labrego Galego
R. RIVAS: "Na maioría das grandes áreas, os viños galegos están sempre relegados á última esquina e mesturados viños con D.O. e viños sen D.O. Está claro que hai que incidir no consumidor para que saiba que cando vai tomar un viño non só están facendo un acto lúdico senón que están defendendo un medio rural vivo. Por exemplo, a todos nos gusta pasear pola Ribeira Sacra pero non só precisamos un catamarán, tamén precisamos uns viticultores que manteñan a comarca viva. Se nos adicamos a beber outros viños, a Ribeira Sacra, por exemplo, pasarao mal".
 
Image
DIGNA CASTRO, Secretaria da Asoc. de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas
D. CASTRO: "As amas de casa pedimos que en Nadal non suban tanto os prezos, pois fano de forma abusiva. No tocante aos viños, penso que non só hai que defender o consumo de viños galegos senón que hai que defender aos viticultores porque están moi desmoralizados. Axudalos para siga habendo viños galegos de calidade".
 
Image
JUAN CARLOS ULLA, Director da Escola de Consumo de Boiro
J. C. ULLA:"O primeiro que habería que preguntarse é se o consumidor sabe cales son os produtos galegos e cales non. Se damos unha volta por un supermercado podemos atoparnos con que as patacas poden ser de Israel, Francia, Alemania... e sen embargo véndense como patacas galegas nos mellores restaurantes de Galicia. O mesmo sucede coas cigalas, as ameixas, as xoubas, a terneira... No que respecta ao viño, estamos tomando baixo o nome de mencías galegos viños que proceden, como mínimo, de O Bierzo. Débese galeguizar e pódese galeguizar a cesta da compra, apostando primeiro polo noso. Pero en primeiro lugar, hai que evitar que os produtos de fóra se beneficien do esforzo dos nosos produtores e da sona dos nosos produtos. O consumidor debe reclamar un correcto etiquetado e, a partir de aí, decidir que é o que quere mercar".
 
Image
IGNACIO LOUZAO, Xerente de Galicia Calidade
I. LOUZAO: "Galicia Calidade controla a orixe e a calidade dos produtos que amparamos, non de todos. O papel que nos toca xogar témolo moi claro: potenciamos, por suposto, o consumo de produtos galegos e sobre todo no Nadal, porque é unha época moi forte de vendas. Na historia de Galicia Calidade cometéronse algúns erros pero o prestixio da marca está nunha boa situación. A percepción que se ten da marca en Galiza e no Estado español é moi alta; probablemente sexa a marca de garantía dunha comunidade autónoma máis coñecida do Estado. Pero hai que ter moito coidado e non matar a galiña dos ovos de ouro. Non podemos perder a imaxe que teñen os produtos galegos. Por exemplo, falando do viño eu preguntaría ¿cantos hostaleiros comercializan viño sen etiquetar e nolo venden como galego? Aí temos todos moito que facer. Ao consumidor hai que formalo para evitar que pase iso e habería que comezar polo etiquetado".

D. CASTRO:"Entón deberiades comezar por controlar os furanchos que hai polas aldeas".

R. RIVAS:"Os furanchos son un cancro nestes momentos. Por exemplo, no Salnés estase comercializando viño de Rueda, de Verín... de todos os lugares menos do Salnés. Este ano non hai uva pero sei que haberá igualmente viño nos furanchos. Nós estamos facendo campañas de defensa dos bodegueiros, estamos traballando para a patronal pero é que non o fai ninguén. Sabemos que se as bodegas van ben, os viticultores irán ben pero non é a nosa función"

J. C. ULLA: "Os consumidores pagamos ao final os acordos previos de prezos porque van repercutir no prezo do viño. Non sei ata onde os cidadáns deberiamos denunciar eses pactos... dende a óptica do produtor son lóxicos pero dende a óptica do consumidor...".

R. RIVAS: "Penso que deberías denunciar antes as marxes da restauración, que son delictivas".

[Neste punto, o moderador, Guillermo Campos, pregunta aos convidados se as empresas corren máis riscos por distribuír produtos galegos e se o selo de Galicia Calidade encarece o prezo]

I. LOUZAO: "Galicia Calidade non é unha marca estándar porque non temos os obxectivos dunha empresa. Garantimos o produto pero non a xestión, como fan outras certificacións. Partindo diso, está claro que hai diferentes perfís de consumidores e eu sei que hai produtos de Galicia Calidade que non están ao alcance da maioría deles pero iso non quere dicir que non haxa produtos amparados por Galicia Calidade con prezos semellantes aos do resto do mercado".

M. FREIRE: "A nós non nos prexudica para nada vender produtos galegos. Ás veces, se non temos máis é por unha falta de estándares mínimos de calidade á hora da presentación, e estamos todos os días traballando con pequenos agricultores aos que tes que estar formando e axudando a consolidar os seus negocios. Temos aínda moito camiño por percorrer, dende os fabricantes aos consumidores".

J. C. ULLA: "Vendemos moito folclorismo pero, por exemplo, imos áo Pazo do Hórreo e vemos que non hai ningunha obriga legal de que se consuman alí produtos galegos. ¿Cantos deses produtos nosos están nas recepcións oficiais?. Non hai festa gastronómica na que non se venda viño xoven pero ¿que é iso?. Penso que Galicia ten que estar en condicións de producir o marisco, as patacas... os produtos que precisan a hostalería e as empresas de distribución porque se non, beneficiarase ás grandes explotacións foráneas".

R. RIVAS: "No tema dos prezos, quero aclarar que pode haber subas no Nadal pero nos produtores non repercuten".

J. C. ULLA: "Hai que dicirlle aos distribuidores que o viño de mesa non se pode poñer no mesmo stand que os viños con D.O., porque se confunde ao consumidor. A imaxe que levan dos viños galegos os milleiros de visitantes que veñen polo tema do Xacobeo é dun viño sen marca e, na maioría, dun viño xoven. Ao igual que a imaxe que levan do marisco é a que se atopan no Franco, onde hai centolos e lubrigantes que non teñen que ver nada co noso".

D. CASTRO: "O que non debe ser é que o prezo dos produtos suba porque leve o selo de Galicia Calidade, principalmente en hostalería. Hai que esixir que o produto sexa bo pero os prezos non deben ser esaxerados, porque á ama de casa cústalle moito chegar a fin de mes e se vai ao supermercado e ve leite francés a un prezo máis asequible, decantarase por el".

I. LOUZAO: "No tocante ás tarifas, ata hai un tempo Galicia Calidade podía ser un clube elitista pero dende hai máis dun ano acordáronse unhas novas tarifas e non supoñen un lastre significativo para as empresas. A máis baixa é de 60 euros e a máis alta, en función da facturación da empresa, pode rondar os 2.000 euros. Ninguén nos pode dicir que o seu produto se encarece porque a nosa taxa é elevada. As únicas barreiras que poñemos para a entrada dun produto son a orixe e a calidade".

D. CASTRO: "Ao consumidor gústalle moito o produto galego pero están aí os prezos e o consumidor guíase polo seu peto á hora de facer a compra".

I. LOUZAO: "A nosa taxa non repercute no prezo final do produto, entre outras cousas porque o 80% do noso presuposto o destinamos á promoción dos produtos amparados. Desta forma, as empresas deixan de gastar unha cantidade determinada en ir a feiras, por exemplo, porque acoden co stand que pon Galicia Calidade. Polo tanto, pódese dicir que obteñen uns beneficios para a súa marca". 
 
Novas
 
 
C/ Marqués de Riestra 34 - 4ºC Pontevedra   •   Tlf: 986853978  Fax: 986847470   •   info@grupohgt.com