|
Galicia asina o plan español cun horizonte de doce anos e co obxectivo de desenvolver un modelo global e competitivo.
AConferencia Sectorial de Turismo e o Consello Español de Turismo, órganos dos que forman parte todas as comunidades autónomas, deron o seu apoio ao Plan de Turismo Español Horizonte 2020, que foi presentado recentemente polo ministro de Industria, Turismo e Comercio, Joan Clos, no Consello de Ministros. O Horizonte 2020 constitúe a base do Plan de Turismo Español 2008- 2012, para o que se destinan nos presupostos do vindeiro ano un total de 322,7 millóns de euros, o que representa un 22% máis que no presente exercicio.
Os obxectivos do Plan Horizonte 2020 son incrementar os beneficios sociais e económicos do turismo, lograr un reequilibrio socio-territorial que impulse a actividade turística en novos destinos e mellorar a calidade do entorno natural e cultural reducindo os impactos negativos que poida inducir a actividade turística. En definitiva, concienciar á sociedade e ás administracións públicas da importancia que ten respaldar o turismo como garantía de prosperidade e mellora das condicións de vida.
Para alcanzar estes obxectivos, o Plan establece unha serie de eixos de actuación e unhas medidas que pasan por crear unha nova economía turística, que teña como meta desenvolver a innovación, o coñecemento e o talento como activos estratéxicos para a satisfacción do cliente e o éxito do negocio. Así, contémplase a celebración dun foro anual sobre o emprego que analice as oportunidades profesionais e formativas do sector.
O segundo eixo, valor ao cliente, pretende potenciar a personalidade e o posicionamento de España como destino turístico, convertindo a xestión da relación co cliente e a súa satisfacción no novo paradigma para o desenvolvemento, a comercialización e a xestión dos produtos. Este eixo integra accións novidosas, como o proxecto Privilege Spain, de creación, xestión e comercialización de produtos turísticos experienciais, ou o Plan Marca España, unha acción de impacto e notoriedade nos mercados emerxentes. A sustentabilidade do modelo turístico español é o terceiro eixo, que ten como obxectivo atopar o equilibrio entre o desenvolvemento turístico e a preservación do medio ambiente. Neste eixo destacan proxectos de modernización integral de destinos maduros, novos planos de dinamización para o desenvolvemento de rutas e produtos especializados e temáticos e un programa de sensibilización sobre compromisos, retos e oportunidades da sustentabilidade ambiental.
O cuarto eixo é o entorno competitivo, co obxectivo de acadar un sector turístico forte, que favoreza a iniciativa empresarial e a innovación e simplifique os procesos administrativos que teñen que ver coa toma de decisións empresariais. Este eixo inclúe planos anuais de acción interministerial a favor do turismo en colaboración cos ministerios de Fomento, Traballo, Educación e Medio Ambiente, entre outras accións. Para a elaboración do plan, realizáronse 25.000 enquisas a turistas internacionais. Ademais, contouse coas aportacións de máis de 35.000 profesionais do sector, así como dos principais prescriptores da demanda e diferentes autoridades das administracións con competencias en materia turística. A Dirección Xeral de Turismo, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, tamén participou na fase previa do plan.
Nestes momentos o proxecto atópase na Fase II, que consiste na creación de sete grupos de expertos que se encargarán de formular plantexamentos concretos que permitan cumprir os obxectivos asociados a cada área crítica de mellora. A Fase III consistirá no deseño da estratexia de cara ao ano 2020.
|